entrevista a javier lodeiro
Unha persoa que coñece á perfección o fútbol Nicrariense e a ADN
“ Sen traballar non se poden conseguir os obxectivos. Se un neno vai ó colexio cos libros debaixo do brazo sen os abrir, non vai aprobar. Como adestradores temos que tratar de que os rapaces desfruten e o pasen ben e despois os rapaces teñen que vir a adestrar, as cousas non se conseguen solas.”
Entrevistamos a Javier Lodeiro, un home que coñece á perfección o fútbol Nicrariense e a ADN, foi un dos socios fundadores e, xunto con Vicente Pérez, puxeron a andar no eido deportivo a este club, ninguén mellor que el para falarnos do pasado, do presente e do futuro do fútbol na nosa contorna.
P- En primeiro lugar, benvido de novo a túa casa Javier; o primeiro é preguntarche. Qué tal te encontras? Estás contento coa túa volta a ADN?
J.L.- Ben, a verdade é que atópome ben e adestrando ós rapaces estaba traballando moi a gusto. Os nenos tamén comezaban a saber que é o que quería e foi unha verdadeira pena que tiveramos que parar polas restricións, pero tocará volver empezar de cero cando nos deixen.
P- Seguro que atopaches o club moi distinto a cando o deixarades na primeira etapa.
J.L.- Sí, as cousas cambiaron e moito, non é como antes. Cando iniciamos pasaba moito máis traballo do que paso agora, tiña que preocuparme de moitas cousas á vez; hoxe hai unha xente por detrás que está traballando, que está levando todo, e eu só me dedico o tema deportivo que a fin de contas é o máis importante.
P- Javier Lodeiro non o vamos a descubrir agora pero xa ten un bagaxe deportivo importante na nosa contorna, dende o teu punto de vista, Javier, en qué cres que se mellorou e qué cousas se botan en falta no fútbol rexional a día de hoxe?.
J.L.- Mellorouse moito nas instalacións deportivas, mellorouse na asistencia ós adestramentos e mellorouse moito no material co que traballamos porque algúns balóns dos que poñíamos antes parecían pedras, hoxe os balóns son de outra forma e os medios para levar a cabo os adestramentos son outros moi diferentes.
Despois, o que vexo é que as mentalidades son moi distintas, por exemplo, non é o mesmo un rapaz de fai 20 anos que un rapaz dos de agora. As cousas vense de diferente forma, e toca adaptarse. Na Esteirana, por exemplo cambiaron moitas cousas cando eu cheguei e o propio presidente mo recoñeceu e hoxe gracias a ese traballo a Esteirana está nunha boa posición.
Aquí, en ADN, eu vin moitas cousas, vin moitos partidos e íase ben encamiñado pero sempre van existir tropezos ou atrancos e tense que pensar sempre no que se vai a facer, non facer as cousas por facelas. Gústame a idea que ten club pero cando se traballa con moitos nenos é imposible sacar o proveito a todos eses nenos, é imposible; agora ben se temos un grupo, teremos que tratar de aproveitar ese grupo e cunha pautas formalos, exixirlle e promocionalos, eses son os valores do ADN e é o que ten que ser.
P- A raíz de isto último que acabas de comentar, cómo e por qué se montou este club no ano 1996? Qué idea tiñades na cabeza?
J.L.- Estabamos nas Escolas deportivas municipais Vicente e mais eu, no Pavillón de Pedra Mámoa, e viñeron un grupo de rapaces que tiñan unhas condicións enormes. Naquela época só se levaban ata alevíns creo recordar e unha vez que pasaban para infantís xa non había máis, entón os pais foron os que nos pediron se Vicente mais eu os poderíamos adestrar, nos viviamos un enfronte do outro e empezamos a deseñar o que sería a ADN, despois foise aumentando o número de xogadores e equipos, pero a forma na que plantexamos ADN foi o que nos dou os resultados, iso sí, Vicente e mais eu nunca pensamos sacar o que sacamos.
A nosa idea era que os rapaces chegaran a xogar no que tíñamos aquí, que o que tíñamos aquí era a S.D. Negreira que naqueles momentos estaba por outras pautas, tiña outros obxectivos e por iso se creou ADN, para que os rapaces xogaran no Negreira; e aínda que houbo moitos rapaces que saíron da ADN que xogaron no Negreira, o final non foi así.
Eu penso que houbo moitos malos entendidos, todo o mundo pensaba que íamos en contra do Negreira e nós o que queríamos é que os rapaces xogaran aquí pero ós que non se lle daba saída marchaban a outros lados. Un bo día Vicente e mais eu puxémonos a contar os xogadores que tíñamos xogando por aí, e contamos 16 xogadores que pasaron pola rexional preferente, ou que pasaron pola terceira división. Non podemos dicir que é produto do noso traballo senón de unha serie de circunstancias (directiva, pais, xogadores, etc…) que levaron a eses feitos.
P- Do ano 1996 ata o 2010 conviviron ADN e SD.Negreira, nese ano fusionou os dous clubs e no 2017 rexurde de novo ADNicrariense, recollendo as ideas que se sembraron nun principio. Qué obxectivos debe ter ADN hoxe en día?
J.L.- Penso que agora mesmo, conforme se dan todas estas circunstancias, o club ten que procurar saír e empezar dende abaixo de todo, comezar dende as bases, non se pode pretender ter moito xa ó principio, para iso temos que dicirlle a xente que para ir a Cepelo hai que ter unha obrigación, e despois teñen que vir a desfrutar e pasalo ben a Cepelo, para o día de mañá poder ver os resultados.
Estes dous meses que estivemos adestrando cos rapaces xa se palpaba no ambiente, os rapaces incluso os días de choiva veñen a adestrar e eses sentimento de vir adestrar e pertencer a un grupo hai que ir pouco a pouco tratar de inculcalo.
Un día discutía co Presidente Ramos no refuxio de Cobas, cando trataron de fusionar os equipos e díxenlle que se estaban equivocando, que se ía acabar co fútbol base. Meu dito, meu feito, botouse uns anos nos que non había fútbol base, non había xogadores, entón para que xogaran os de aquí, os nosos, non se pode estar en 2B ou Terceira porque non van a valer todos os xogadores. Se os nosos xogadores non dan o nivel para primeira, pois en segunda e traballar, traballar e traballar. Eu xoguei no Negreira cando estaba en segunda rexional e mais non pasa nada, e daquela xa hai moito tempo e o que hai que tratar é de fomentar a ilusión dos nenos e que eses mesmos nenos vexan que nós traballamos por e para eles. Tamén isto hai que facerllo ver ós pais que moitas veces é o problema de todo isto.
P- En Negreira sempre se respirou e respira moito fútbol, dan boa fe de isto os 3 equipos que existen e máis os veteranos. En ese sentido, por onde pensas que debe ir o futuro deportivo de Negreira?
J.L.- No meu parecer o primordial son unhas instalacións dignas que todos estamos reclamando, tamén os de atletismo que eu vexo moitas veces adestrando onde o instituto.
Temos dous campos de fútbol, temos ADN cunha serie de equipos, o Negreira cuns equipos de fútbol base e sénior no que os horarios para adestrar hai que axustalos por outro lado temos un campo de fútbol de herba natural que só se utiliza cada 15 días.
En Santa Comba acaban de cambiarlle a herba sintética ó campo de Fontenla e agora teñen dous campos para utilizar os seus futbolistas, e aquí haberá que pensar en buscarlle unha solución. Porque senón moitas cousas non se poderán levar a cabo.
P- E do Fútbol Base?
J.L.- Levo dous meses aquí, e dous meses como dixen moi contento, pero comparalo co que fixemos anos atrás é tremendamente complicado a pesar de que agora as condicións como xa dixen que rodean ó fútbol melloraron moito. Non axuda tampouco ter as instalacións paradas, pois están cambiando o fútbol pola tablet ou polo móbil e así faise mais complicado todo.
Agora, hai un grupo de infantís, que se apertamos un pouco, pode haber posibilidade de ir formando pouco a pouco e polas formas e as pautas que nos levaron ó éxito no pasado, que son orden e disciplina, disciplina e orden e sobre todo traballo, traballo e traballo.
P- ADN leva apostando por un modelo con xogadores de proximidade no seu equipo Sénior, tratando de dar saída tamén ó seu fútbol base. Débese apostar por modelo estilo Athletic de Bilbao, con xogadores propios ou un modelo máis estilo Real Madrid tratando de fichar xogadores e subir categorías?
J.L.- O modelo do Bilbao é o modelo que no que se visualizaba o ADN, algunhas veces haberá que traer algún xogador de fóra por se o equipo non o ten e hai unha necesidade imperiosa ou se quere apostar por un equipo polo que sexa pero eu teño moi claro que o de fichar a base de cartos vaise ir rematando nestes anos.
Hai que tratar de mirar o que se teña na canteira, as ligas son as ligas, e non é o mesmo xogar en segunda que en primeira ou preferente, agora hai unha cousa, os xogadores que teñamos deben ser os nosos, e eu síntome moi orgulloso do que se fixo. En todos os sitios nos que fun , tanto Carnota, Esteiro, na Serra, en Conxo, en todos os sitios que estiven adestrando sempre apostei polos de abaixo, sacar a xente da base e que a xente da base vaian subindo e eu seguirei sendo así como son.
P- Negreira ten un equipo en primeira, dous en segunda e o fútbol de base tamén dividido. Cal é a súa opinión respecto a isto?
J.L.- Eu non son ninguén para dicirlle a ninguén o que ten ou o que se debe de facer, nin ós directivos do ADN nin ós do Negreira pero sí digo que se quere traballar coa xente de aquí, como se hai que ir a terceira rexional e empezar onde se teña que empezar.
A tempada pasada fun ver o Negreira e hai 2-3 xogadores que habían saído de aquí, mentres había tamén outros xogadores no ADN que podían xogar perfectamente no Negreira, que tiñan tamén nivel. En terceira división xa se estivo, e vai ser moi difícil volver a iso, dáme esa sensación; pero as divisións non axudan a nada.
Recordo que cando estaba Manolo de Louro de presidente foi cando máis xogadores de Negreira houbo e débese apostar por iso. Se ADN ten unha aposta firme en ese sentido e ten que ir polo seu camiño, que vaia polo seu camiño. O que non podemos e tirar pedras o tellado nin uns nin outros, o que se ten que procurar é chegar a un arranxo.
Se o Negreira ten cartos e se ve capacitado para pagarlle ós xogadores, adiante, pero despois non veñan dicindo é que nos estamos combatendo. Aquí estase a traballar cos rapaces e se Negreira non quere ese camiño, entón ADN terá que facer como fixo fai 2 anos montando o equipo Sénior para darlle saída a eses xuvenís. Entendo que a S.D. Negreira teña fútbol base, pero cando eses rapaces cheguen as últimas etapas e o Negreira siga coas mesmas ideas, veremos que se di nese momento.
É unha situación que non lle encontro moita solución. Non se debe estar de esta maneira, non se pode tirar pedras ó tellado uns e outros que o fútbol hai que tratar de desfrutar de el. Recordo que na anterior etapa xogarase tamén unha fase de ascenso entre ADN e Negreira, que gañou o Negreira, porque a ADN eran moitos xuvenís de primeiro ano con cadetes incluso, e moitos dos directivos de agora estaban xa en esa etapa tamén. Por iso de debe apostar polo que se debe apostar, pero apostar de verdade e facer as cousas con algo de criterio.
Eu alégrome moito de que as cousas traten de ir por outro camiño, as directivas teñen que traballar e aquí a directiva está a traballar moito
P- Javier, ti fuches xogador despois adestrador e tiveches unha vida sempre ligada ó fútbol e ó deporte; pensas que as novas xeracións seguirán por este camiño ?
J.L.- Hai que darlle tempo ó tempo. Os rapaces teñen que estar contentos e teñen que estar a gusto, eu aínda lle preguntei este día, como facía antes, polas notas e xa nas caras sabía a quen lle foran ben ou mal pero coma xa dixen hoxe en día as circunstancias cambiaron e é todo moito mais complicado. Eu todo o severo que fun no pasado cos meus xogadores non mo tomaron a mal a día de hoxe, pero nos tempos que corren non é o mesmo.
Eu intento inculcar exixencia e todos os días facer un pouquiño máis, para min hai que traballar de ese xeito para recoller o froito. Se non se traballa, non hai froito.
P- Levamos unha temporada aloxados de Cepelo, e o Covid parece que veu para quedar. Cómo levas isto?
J.L.- Para os nenos é moi complicado, sobre todo para os de lonxe que se mollan e teñen quetraerlle outra muda para cambialos antes de subir o coche, por exemplo. É unha situación terriblemente difícil para todos e o único que lle diría os nenos e que en vez de estar ca Tablet, que collan un balón e que se poñan contra unha parede e golpear balón, golpear balón e golpear balón para que cando pase isto todo e volvamos a comezar de novo que teñamos gañas todos, tanto a directiva, como os pais como os propios xogadores.
P- Para terminar, sendo unha figura deportiva importante para moitas xeracións nicrarienses, que reflexión ou idea che gustaría deixar para xogadores, pais ou afeccionados.
J.L.- Sen traballar non se poden conseguir os obxectivos. Se un neno vai ó colexio cos libros debaixo do brazo sen os abrir, non vai aprobar. Como adestradores temos que tratar de que os rapaces desfruten e o pasen ben e despois os rapaces teñen que vir a adestrar, as cousas non se conseguen solas.
Para os pais, dicir que os fillos son os nosos mellores expoñentes e a todos nos gusta que o noso fillo sexa o mellor, pero “mellor” é unha palabra moi extensa, e “mellor” é que o pase ben, que se divirta, que teña amigos, que teña un grupo, que saiba estar en un grupo, que conviva, que saiba comportarse na casa, que estudie, en definitiva que se comporte como se debe comportar unha persoa e iso todo pódenos dar o fútbol e o deporte, e que tratarei de inculcarlle coa miña experiencia.
O Fútbol é unha parte das nosas vidas que nos pode dar moitas alegrías.
Comentarios recentes